Portada_Alba_de_Groria

Alba de Gloria
Edición non venal para a Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital subvencionada pola Excma. Deputación d’A Coruña
© Herdeiros de A. R. Castelao / Editorial Galaxia, S. A.
© Introdución: Xoán Pastor Rodríguez Santamaría
Edición e deseño
Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital
Lugar do Outeiro, s/n – Artes
Ribeira – 15969 – A Coruña
I.S.B.N.: 978-84-09-01623-5
Dep. Legal: C 837-2018

PRESENTACIÓN

O 25 de xullo de 1948 pronunciou Castelao o discurso Alba de Groria, pola mañá no Teatro Arxentino e, xa pola tarde, no banquete do Centro Galego, onde o completou coa alusión ao apóstolo Santiago que eludira na intervención matutina. Este discurso é, sen dúbida, o máis famoso da oratoria galega e foi caracterizado por Henrique Monteagudo como “brillante proclama”, “a peza cume… da oratoria de Castelao, e un dos bicos máis altos a que chegou a elocuencia galega de tódolos tempos”. Non son unha esaxeración retórica as palabras de Monteagudo, pois Castelao logrou neste discurso levar á máxima expresión as características do seu estilo ensaístico, é dicir, a pulcritude, a expresividade, a sinxeleza sintáctica e a autoconsciencia.

Tras un breve exordio, Castelao organizou o seu discurso en dúas partes, característica moi propia do seu estilo e da súa tendencia ao paralelismo. A primeira, “Santa Compaña inmorredoira”, pasa revista ás grandes figuras históricas e culturais que configuraron Galicia, dende Prisciliano a Manuel Antonio, de Afonso VII a Antolín Faraldo, pero sen esquecer esta vez, nunha peza oratoria conmemorativa, de unidade galega, a aportación cultural dalgúns escritores galegos que se valeron do castelán, significativamente Emilia Pardo Bazán e Valle-Inclán, aos que coloca a carón de Rosalía de Castro, Lamas, Curros ou Amado Carballo.

A segunda parte de Alba de Groria titulouna “Historia e tradición”. Trátase, en realidade, de contrapoñer a historia de Galicia á tradición. A primeira pode estar sometida a debate, ser un fracaso no pasado, pero Galicia é eterna pola tradición, que debe servir para gañar o futuro. Visión, pois, esencialista do país, que ten a súa base firme no humus da Terra, nos mortos, o seu substrato, que crearon a lingua, os usos e costumes, que humanizaron o territorio. É con eles con quen dialoga o corazón dos galegos, un corazón antigo e panteísta. Son os mortos os gardiáns desa tradición, “as fontes enxebres e purísimas do noso xenio racial”, son eles o pobo, a colectividade, a enerxía e a esperanza celta; o que fomos, somos e seremos.

Remata o rianxeiro dirixíndose á galeguidade da Arxentina, unha segunda patria, desexándolles “que a fogueira do espírito siga quentando as vosas vidas e que a fogueira do lume nunca deixe de quentar os vosos fogares”.

O discurso de Castelao foi axiña editado no exilio por A Nosa Terra no mesmo mes no que foi pronunciado e de novo o 25 de xullo de 1950, no número extraordinario adicado ao pasamento do líder do galeguismo. Como opúsculo apareceu por vez primeira en 1951, nunha edición bilingüe galego-castelán, da man do Centro Galego de Buenos Aires, ano no que tamén se editou nunha versión galego-euskera. María Cuquejo contabilizou todas as edicións que a peza oratoria tivo ata 1999: Ricardo Palmás recolleuna en 1976 en Castelao: prosa do exilio, volume editado en Montevideo; xa en Galicia, sería editado en Pontevedra en 1983 e en Vigo, en 1999.

O Museo do Gravado de Artes (Ribeira) rende agora unha homenaxe a Castelao e ao seu exilio, á súa defensa de Galicia, cunha edición ilustrada do seu discurso máis fermoso, máis logrado. A edición ilustrada adáptase ben á personalidade de autor, o creador de Cousas, unión de palabra e imaxe, pero que foi ademais ilustrador da súa propia obra, ilustrador de moitos libros doutros autores, tanto en Galicia e Madrid coma no seu exilio arxentino. Non pode tampouco esquecerse o papel que xogou no gravado galego ao introducir entre nós a técnica do linóleo, que creou unha verdadeira escola na cidade de Pontevedra.

Pero esta edición de homenaxe a Castelao aporta outras dúas características novidosas. O Museo do Gravado  de Artes quixo que foxe ilustrada por artistas que partillasen co rianxeiro a natureza de pertencer á súa mesma xeografía, non só física, senón tamén emocional. A segunda novidade desta edición descansa sobre outra mirada, a mirada feminina. Son once mulleres do Barbanza as que deitan a súa sensibilidade sobre o escritor Castelao, sobre o seu discurso galego máis significativo. A mirada sobre os clásicos, e Castelao é un clásico galego, necesita reinventarse, anovar, reler a partir da experiencia do noso tempo, reactulizarse. Os clásicos sono porque perviven no tempo, porque xeran novas experiencias, novas miradas artísticas, novas relecturas, novas reacións. Alba de Groria produce agora, no Barbanza, dende a mirada das artistas, novos resultados artísticos.

Xoán Pastor Rodríguez Santamaría
Fundación Museo de Artes do
Gravado á Estampa Dixital